Navegación por
Categoría: Rutas

Domaio circular

Domaio circular

Bos días, queridos amigos e amigas de A SENDA DO MOUCHO. O pasado domingo percorrimos unha das zonas máis húmidas, fermosas e frondosas de bosque autóctono do Concello de Moaña. Quixemos chamarlle “Domaio circular” porque foi un percorrido medioambiental de saída e volta á costa da Enseada do Mouro en Domaio.
O ben que o pasamos, o bo ambente e o moito que aprendimos, amósaxe claramente nas caras dos usuarios de A Senda do Moucho.
Fermoso percorrido e fermosísima xente que sempre desexa regresar connosco.

Circular Medioambiental de DOMAIO

Circular Medioambiental de DOMAIO

Os amosamos aquí o video da prospección do percorrido medioambiental do vindeiro domingo, 11 de xullo, onde percorreremos unha das parroquias máis fermosas da Península do Morrazo e que pertence ao Concello de Moaña.
Neste percorrido veremos lugares emblemáticos e tan cheos de lendas, de historia e prehistoria que as veces abruma que, un lugar tan pequeno, e que percorreremos en 12 km nunha ruta circular, poida ter tantos contidos e tantas cousas de interese que nos fará coñecer a fondo un lugar que abofé valoraremos, ao menos, pola súa beleza paisaxística e etnográfica.
Invitámosvos a que nos acompañedes e disfrutedes co bo ambente e a compañía de A Senda do Mundo.
¡AGARDÁMOSVOS!

O Río Alén

O Río Alén

Queridos seguidores e seguidoras de A Senda do Moucho:

Xa temos preparado o percorrido medioambiental sobre as Costas do Río Alén. disfrutade do video sobre a preparación do Río Alén, tributario do río Tea e río cheo de misterio, lendas e dunha exhuberancia natural propia dos nosos bosques atlánticos húmidos ou fragas.

A ruta do río Alén percorre parte do territorio da parroquia de Barcia de Mera. Tributario do río Tea, ambos forman parte da Rede Natura 2000 constituindo no seu conxunto unha das redes fluviais mellor conservadas do sur de Galicia en canto a calidade das súas augas, os seus hábitats de ribeira, e especies animais e vexetais.

A súa lonxitude total se aproxima ós sete kilómetros, sendo un sendeiro en canto o seu interese: Patrimonio histórico/artístico e medioambiental.

Lonxitude total (con inicio e remate nos muíños de Portafurado) é de 10 Km e de dificultade: Media.

O percorrido medioambiental do Alén ofrécenos a oportunidade de achegarnos ós valores naturais deste tributario do río Tea, de xeito particular no tramo comprendido entre a ponte do Alén e San Xoán de Mosteiro. Dous hábitats de bosque destacan neste percorrido: o bosque de ribeira de amieiro (Alnus glutinosa) e freixa (Fraxinus angustifolia), hábitat de conservación prioritaria segundo a normativa comunitaria, e unha noviña carballeira termófila dominada polo carballo (Quercus robur) e o loureiro (Laurus nobilis), que constitúe un dos tipos de bosque máis ameazados de Galicia.

Nas especies vexetais a xilbarbeira (Ruscus aculeatus), unha fenta relicta do Terciario (Woodwardia radicans) e árbores escasas na provincia de Pontevedra como o lamagueiro (Ulmus glabra) aumentan a rica biodiversidad destes hábitats de bosque e contribúe na incrementar o seu valor e necesidade de conservación.

A fauna da zona, á lóxica presenza de especies do medio acuático coma o merlo rieiro o migrador ameán ou reo (Salmo trutta trutta) que mesmo posúe un topónimo propio no río Alén: a “poza dos ameáns”, ou a lontra (Lutra lutra). Engade a posibilidade de desfrutar coa experiencia única de sentir o canto á noitiña do bufo real (Bubo bubo) nas abruptas e fraguentas penedías das Costas do Alén.

Todo un luxo dun ecosistema dun grandísimo valor ecolóxico e paisaxístico propio do noso país.

¡¡¡¡ANÍMATE A EXPLORALO CONNOSCO !!!!

Aquí vos deixamos un video do que foi a prospección do ano pasado por este lugar tan emblemático do sur de Galicia.

FOMOS A CHANDREXA A SABER DO QUEIXA OU LOBO CERVAL.

FOMOS A CHANDREXA A SABER DO QUEIXA OU LOBO CERVAL.

En Galicia podemos afirmar que temos, polo menos, 2 vertebrados de grande porte extintos dentro da nosa xeografia: un é o oso, que aínda que entra en Galicia e merodea, non hai datos ata a fecha de que se reproduza e críe no noso territorio, polo menos ata o de agora, aínda que se deixa ver con relativa frecuencia. E o outro é o lobo cerval ou o Queixa (Lynx lynx). Efectivamente falo do lince común, o felino do xénero Lynx de maior tamaño do seu xénero, chegando aos 135 cm de lonxitude e aos 35 kg de peso, é nativo de Europa que habitou Galicia e mais no norte da Península Ibérica.

Tal e coma rezan as fichas que en A SENDA DO MOUCHO creamos para esta viaxe ao Macizo Central galego ou ourensán, era un grande depredador de aspecto imponente que paseaba polos montes de Galicia. En moitos sitios lle chamaban O Tigre, coma no Suído, ao que a finais do século XVIII, con su gusto por la precisión e un profundo coñecemento da lingua, o Pai Frai Martín Sarmiento, esclarecía na sua correspondencia en 1760“O nome de tigre é falso, pois non hai tigres na Europa, máis chamam-no tigre por ter o pel manchado (…) Chámase lobo cerval, lobernom, lubicám ou lobo rabaz. Os quatro nomes primeiros empezan con lobo pero apenas aluden á súa voracidade, non a que sexa animal do xénero lobo, pois só é do xénero gato.”

No século XIX, o estudioso Eladio Rodríguez precisaba nos seus estudos léxicos: “o nome de cerval venlle de ser o seu berro semellante aos cervos.”

Falamos, por suposto do berro en época de celo que se facía escoitar no Macizo Central e en moitos dos montes e Serras de Galicia.

Hoxe sabemos polos rexistros que se tomaban das pezas que capturaban os “alimañeiros” que se trataba dun lince de grandes dimensións e que era un gran depredador de pezas como o corzo. Non coma o lince ibérico (Lynx pardinus) cuia presa principal é o coello e que era un felino de menor tamaño que se cre, non pasou ao norte dende a provincia de Zamora, onde si tivo presenza.

Aínda, o noso insine naturalista Víctor López Seoane, na sua “Fauna Mastológica” (1863) situaba ao Lobo cerval ou Queixa, campando por Lalín, Taveirós ou a Terra Cha.

Trataríase dunha especie que ocuparia todos os “Pireneos Cantábricos”, como así chamaba D. Eliseu Reclus, aos cordais que parten de Euskal Herria e se adentran ata o surleste da Galicia.

REFERENCIAS:

Preparación do río Morgadáns, 24ª Etapa do Sendeiro das Greas

Preparación do río Morgadáns, 24ª Etapa do Sendeiro das Greas

Estimados amig@s e seguidor@s de A Senda do Moucho: Aquí vos deixamos o video da preparación do río Morgadáns no que sería a 24ª Etapa do Sendeiro das Greas. Un lugar ben fermoso que agora, no outono, ben luce en todo o seu explendor.
Unha contorna de bosque caducifolio, unha fraga, que acompana ao río dende a bisbarra do Parque Natural do Monte Aloia e ben merece que o coñezamos, para así valoralo e que vexamos que merece que o protexamos ante o enorme avance de flora invasora como a acacia negra (Acacia melanoxylon) e o eucalipto, no que a parte do “Eucaliptus globulus”, xa atopamos matas de “Eucalipto citridiora” ou eucalipto limón. Un auténtico desastre para os nosos ecosistemas.

24ª Etapa do Sendeiro das Greas. Río Morgadáns.

24ª Etapa do Sendeiro das Greas. Río Morgadáns.

Ola, queridos amigos e amigas de A Senda do Moucho. Aquí vos deixamos o anuncio da 24ª Etapa do Sendeiro das Greas. Nel queremos facervos chegar un anaco do espazo tan fermoso que percorre este pequeno río que é unha das arterias principais que tributa no río Miñor, así como o fai tamén o río Zamáns.ANIMÁDEVOS A VIR e ser unha das cinco persoas que poderá vir connosco este sábado 12 ou domingo 13 de nadal.

AGARDÁMOSVOS.

Covas e Lendas Galiñeiro

Covas e Lendas Galiñeiro

Ola a todos mouchiños e mouchiñas. Aquí vos deixamos o video realizado durante a preparación do percorrido das Covas e Lendas do Galiñeiro. Xa ía pouca luz esa tarde, por iso é máis breve do habitual, pero en esencia amosa a fermosísima paisaxe desta zona entre Vincios e Vigo que ben debera estar protexida dos lumes, das prospeccións mineiras, dos que lles queren impor estacións eólicas. Un lugar que foi paso dos homes dende hai 4000 a 3000 anos antes da nosa era e que amosa petroglifos únicos en toda Europa.
Lugares que deberan estar máis protexidos. Isto, en moitos países avanzados onde se conserva a ultranza o patrimonio inmemorial e inmaterial sería inadmisible e aproveitado en prol da súa protección.
É así como queremos “vivir como galegos” ???
Educar, divulgar, coñecer para valorar e poder protexer. “Porque protexemos o que valoramos e valoramos o que coñecemos”.