SONCHE MERENDASBRAVAS OU SON MATASAFRÁNS….?

SONCHE MERENDASBRAVAS OU SON MATASAFRÁNS….?

Este trabalinguas é un simil que amosa a normal e contínua confusión de todos os anos por estas datas con dúas prantas anuais moi singulares e fermosas.

E é aquí que mentres preparamos ou realizamos os nosos percorridos medioambientais, sempre nos atopamos, nesta época do ano, a principios do outono, e incluso sen chegar a el, dúas prantas con flor a ras do chan que anuncian a chegada da ausencia de luz solar e polo tanto a chegada do outono.

A miúdo son confundidas polo camiñante ocasional, polo urbanita, non así polas xentes do agro, das nosas montañas e montes, pastores, colleitadores de toda condición, etc. Poucas persoas quedan xa, que por tradición oral ou por estudio riguroso do tema, saiban realmente de que prantas e frores estamos a falar e os usos que a elas se lles daba, ou incluso o qué nos están a comunicar cando nos brindan coa súa aparición.

Estamos a falar do matamerendas e o safrán bravo ou alcroque.

Matamerendas e Safrán bravo respectivamente

A primeria se refire á especie Colchicum montanum (L.), nome que a ciencia lle confire actualmente e que antes da revisión deste endemismo ibérico se lle coñecía co nome científico de Merendera pirenaica (L.) Lange.

A segunda pranta é moi semellante ao sasafrán cultivado ou Crocus sativus L. pero na súa especie salvaxe Crocus serotinus nas súas dúas subespecies Crocus serotinus subsp. clusii  e Crocus serotinus subsp. Salzmannii, ambas coñecidas comúnmente polo que en Galicia chamamos ao que nace como especie silvestre: safrán bravo, referíndose ao seu nacemento no monte sen intromisión da man do home no seu ciclo vital.

Si, si, si…todo isto está moi ben, pero ¿como diferencialos “de visu” cando imos polo monte?, así, a primeira vista.

A primeira vista, a cor poida que nos distraía no fundamental que é a morfoloxía da flor. Unha flor lila unhas veces máis púrpura que outras, nas que aparece cun púrpura máis apagado ou máis ben un rosa pálido. En canto á morfoloxía o matamerendas (Colchicum montanum) ten os pétalos moi pegados á terra, coma se saíran direitamente dela, non aparecendo un taio como o que sí ten o sasafrán bravo (Crocus serotinus).

Poidera parecer ao diferencialos que o safrán bravo si ten follas, unhas folliñas verdes fiadas que quedan pegadas ao chan, e que o quitamerendas ou merendeira non as ten, que só ten flor. Iso é o que aparenta a merendeira, pero non nos deixemos enganar, porque as folliñas do quitamerendas aparecen logo da froración para rematar desaparecendo no verán.

En canto as orixes dos seus nomes, os dous están relacionados ca chegada do outono: menos horas de luz e as chegadas dos primeiros fríos. O matamerendas fai referencia a que cando o “Colchicum montanum” aparece, os pastores, ao ir os días menguando en canto á luz solar, deixan de merendar no monte. E en canto ao safrán bravo, este ten no seu nome específico “serotinus”, epíteto latino que significa “do serán”, do atardecer, facendo referenza a unhas tardes máis curtas e unhas noites que chegan máis cedo..

Coma curiosidade e completar algúns coñecementos sobre estas prantas, dicir que son ignoradas e pisoteadas polo gando, non sendo consumidas nin por ovellas, cabras ou vacas. O caso do “Colchicum montanum” ou quitamerendas é que é tóxico. Toda a pranta ten un alcaloide, a colchicina, que pode ter alonxados aos herbívoros superficiais que as rechazan. A maior concentración de colchicina radica nas follas, que como xa dixemos, aparecen tras a froración e que son evitadas polo gando.

¿Quen di que as frores son só para a primavera ou o verán? A terra aínda ten moito que ensinar antes do seu letargo invernal, incluso antes de que os primeiros fríos ou nevaradas cubran a superficie dos nosos montes e montañas do interior.


REFERENCIAS:

  • Blamey, M.; Grey-Wilson Chr (2008). Flores Silvestres del Mediterraneo. Barcelona:Omega. ISBN 978-84-282-1450-6.
  • «Colchicum montanum». Royal Botanic Gardens, Kew: World Checklist of Selected Plant Families.
  • Persson, K. (2007). Nomenclatural synopsis of the genus Colchicum (Colchicaceae).
  • Guía de las plantas de Galicia. Xosé Ramón García. Ed. Galaxia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *